A Alameda é unha illa nun cruce de camiños, con sinais de lugares moi atraentes que gardarán os cómicos na súa memoria, entre os seus tarecos, para visitar máis adiante. Vilar de Perdices (Portugal), A Xironda, Castro de Saceda, Castro de San Millán…
Rógannos demorar o espectáculo polo pasamento dunha veciña. A demora permite asentar nun café para escoitar atentamente voces, impresións deste lugar presidido pola Serra do Larouco seca pola falta de choiva e negra polo lume.

Sentindo certa inquedanza polo que a un público diverso, que regresaba do funeral, lle íamos ofrecer comezóu un espectáculo onde “a morte” é motivo de sátira a través de cancións e marionetas. O público que asentóu no banco traído da casa, na fonte que preside a Alameda, como sucede as máis das veces, rematada a función conversan sobre estos retallos de vidas que chegan doutros tempos que se transmiten duns a outros pola memoria que queda deles.
A conxunción de público e cómicos foi intensa e perfecta!

Na Alameda de Cualedro, contemplando a Serra do Larouco, remataba a viaxe escénica cara Santiago a través da ´raia seca´. Un territorio de xentes acolledoras donas dunha cultura singular, nunha paisaxe de cicatrices pola visita que de tempo en tempo fai o lume.