O pasado 24 de setembro Luz Méndez, Presidenta da Asociación Galega de Onomástica -AGOn-, declaraba en La Voz de Galicia:
“Atentar contra a toponimia é como atentar contra un monumento”
«Os nomes das entidades de poboación, por lei, son nas respectivas linguas oficiais. O que é feísimo é ir a casa de alguén a impoñerlle como ten que dicir os seus nomes»

Mapa: Coronel D. Francisco Coello 1856
Queremos agradecer a xenerosidade da asociación con estes cómicos e tamén o seu quixotesco traballo para dar a coñecer esta riqueza. Tamén por ensinarnos a querer e defender este noso patrimonio. Un patrimonio herdado que nos chega coa obriga de conservalo e transmitilo. A perda deste acervo cultural é a perda da nosa identidade, da memoria colectiva do territorio que habitamos.
Bousés, As Chás, Caldeliñas, Ábedes, Queirugás, Tamaguelos, Estevesiños, Búbal, Medeiros, A Madanela, Rebordondo, San Millao, A Xironda, Chamosiños, Escornabois, Vilar de Lebres,Limia, A Serralleira, Cima de Ribeira, Faramontao, Guntimil, Támega…
Destes nomes que asaltan o noso camiñar, esta liñas cínguense aos dos lugares que cómicos e público compartiron.
Oímbra, crese que é un composto de orixe celta *olim-briga ´fortaleza, cidade´; polo que o seu significado sería algo así como ´a cidade do río´.
Verín, provén de Verini, nome en xenitivo dunha villa (casa rural latifundista coas súas construcións adxacentes) medieval, propiedade dun tal Verinus, congnome latino derivado de verus ´verdadeiro´.
Monterrei, da locución monte de rei. A vila fundouna Alfonso X arredor de 1260 sobre os restos do castro de Baroncelle.
Cualedro, ata hai pouco descoñecíase a súa etimoloxía, pero algunhas atestacións medievais permitiron apuntar á probable hipotese de que sexa un derivado abundancial CORYLETUM, da voz latina de orixe grega corylus ´abelá´ e, polo tanto, que se refira aun terreo plantado de abeleiras.
Trasmiras, considerouse que proviña dun nome de propietario medieval da terra, Transimirus, composto por un primeiro elemento thras- ´pelexa, contenda´ e un segundo -mereis ´fama´, os dous de orixe gotica, pero a hipótese presenta problemas. Máis probable parece que proceda da preposición trans- ´máis alá´e miras, que contén a raíz prerromana *meir ´augas mansas´, isto é que sexa un hidrónimo prerromano.
Xinzo de Limia, Xinzo suponse palabra de orixe prerromana relacionada co verbo latino geno ´xerar´; Limia, o nome do río (Lima en portugués), é de orixe escura, hidronímica (relacionada coa auga) é tamén prerromana e crese forma emparentada co nome do río Limanes en Villaviciosa (Asturias) e con Liméns, no Hío (Cangas)