Domingo, 9 de outubro de 2022
Oímbra (lagar rupestre de Xan Preto e Bodega As Barrocas, arredor das 13:00h)
A representación tivo lugar na lagarada (o pisado da uva). Unha festa que o Concello de Oímbra quere revitalizar e potenciar aproveitando a ruta dos “lagares rupestres” como factor de atracción.
Co decorado da Serra do Larouco queimada neste verán destrutivo adaptamos o espectáculo.
No Lagar de Xan Preto, o bululú (o cego Maese Seisdedos e o seu lazarillo Matapitos) coa complicidade e participación do público recitaron O romance do Padre Damián e cantaron coplas da ´raia seca´ para acompañar a procesión ata a bodega As Barrocas.
Na horta da bodega agardaba o espectáculo de marionetas de cachiporra polo que desfilaron os arquetipos que sacaron risas dos espectadores.
Tras a representación e como en tempos atrás…. o público xeneroso e cálido convidou aos cómicos a compartir comida, bebida, ditos, cancións e … entroido (sempre presente neste territorio)

