Cómicos da Legua

Cómicos da legua é un espectáculo que achega as formas tradicionais da arte escénica popular europea que viaxaron a través das peregrinaxes, desde a Idade Media ata a actualidade . Un cóctel de bonecos, música e actor para un espectáculo ambulante que convirte prazas e rúas en “corral de comedias” e teatros.

A través das formas do bululú (cego e lazarillo) e do ñaque (músico e titiriteira) en breves episodios dramáticos convídase o público a gozar cos personaxes do universo da picaresca e da literatura do cordel.

Teatriño de títeres e músico (ñaque)
Os bonecos de Pinturillas e as interpretacións musicais de Lotario salientan as andanzas do ben intencionado Toribio de Mañón que deron cos seus osos no penal.

Uns feitos cantados polos cegos nas feiras e mercados que viaxaron en follas voandeiras ata a pluma de Ramón Mª del Valle Inclán.

Cego e lazarillo (bululú galego)
Maese Seisdedos na compañía do seu lazarillo, Matapitos, reclaman a benevolencia do respectado público para intercambiar cancións, romances, ditos… por cálidos aplausos.

A música da zanfona; a mestría do manipulador dos bonecos oculto tras a vasta capa ; o baile dos bonecos na planchette rescatan para o público os divertimentos que animaban as rúas e prazas, levando no seu cómico xogo a cultura europea máis popular.